O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), é un centro creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia no 2005

CITI
 

O CITI ten como misión potenciar o desenvolvemento do I+D+i nas empresas, mediante a creación de espazos de colaboración para favorecer e transferir coñecemento dende a universidade ao tecido empresarial a través do desenvolvemento de proxectos conxuntos de I+D+i relacionados co ámbito agroalimentario, a biotecnoloxía, a enerxía, o medio ambiente e as tecnoloxías da información.

A Universidade de Vigo, e en particular o campus de Ourense, acolle unha masa crítica de grupos de investigación no ámbito de actuación do CITI altamente competitivos, de gran proxección, e cunha alta capacidade de captación de recursos externos, formados en centros estatais e internacionais. Neste contexto o CITI nace como un centro de investigación co obxectivo de proporcionar as infraestruturas necesarias para manter e mellorar o nivel científico acadado, proporcionar valor engadido e vantaxes competitivas para a captación de recursos externos, e subministrar servizos centralizados a ésta e outras universidades e centros de investigación públicos ou privados relacionados co ámbito de actuación do CITI.

A estrutura do CITI e a súa ubicación no Parque Tecnolóxico de Galicia (TECNOPOLE), facilita a transferencia das tecnoloxías desenvolvidas no campus de Ourense. O edificio é un elemento nuclear para a realización das tarefas de investigación, innovación e transferencia do coñecemento do campus ourensán, onde a universidade relaciónase coas empresas e desenvolve proxectos conxuntos a partir da transferencia do coñecemento adquirido, onde xorden ideas innovadoras sobre as que construír novas empresas. Xorde, pois, como un lugar:

  • Para crear coñecemento a partir da investigación.
  • Para transferir coñecemento dende a universidade ao tecido empresarial desenvolvendo proxectos conxuntos.
  • Fonte de ideas innovadoras a partir das cales construír novas empresas.

 

CITI

+34 988 387 404
proxectos.citi@uvigo.es