Un equipo de investigación da Universidade de Vigo e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) realizaron un estudo no que sinalan que o quecemento global podería triplicar as probabilidades de padecer secas no Mediterráneo occidental. Nel apuntan que o transporte atmosférico de humidade, é dicir, a humidade que procede dos océanos e transporta a atmosfera, terá unha maior influencia na aparición de secas na zona euromediterránea debido ao quecemento global.
A investigación foi realizada pola Unidade Asociada de I+D+i ao CSIC da Universidade de Vigo, chamada Grupo de Física da Atmosfera e do Océano, e a Plataforma Temática Interdisciplinar (PTI) Clima e Servizos Climáticos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), á que pertence a citada unidade da UVigo. Os resultados do traballo foron publicados nun artigo na revista do grupo Nature Communications Earth & Environment, titulado The increasing influence of atmospheric moisture transport on hydrometeorological extremes in the Euromediterranean region with global warming. Por parte da Universidade de Vigo está asinado por Luis Gimeno Sotelo, Raquel Nieto e Luis Gimeno Presa, do grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory), José Carlos Fernández Alvarez do Centro de Investigaciόn Mariña (CIM) e por Sergio Vicente Serrano do Instituto Pirenaico de Ecología.