O THE World University Rankings by Subject 2025 sitúa a Universidade de Vigo entre as 400 mellores do mundo en catro eidos do coñecemento. Nesta clasificación, que analiza o potencial académico e investigador de institucións de todo o mundo, a UVigo destaca na franxa 301-400 na materia de Ciencias Agrícolas e Forestais.
O ránking avalía universidades de todo o planeta e comprende 11 áreas do coñecemento e, dentro delas, varias materias. Para a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “en termos xerais, os resultados son moi semellantes aos da edición anterior e constatan que a UVigo reborda saúde na investigación e amosa un crecemento en moitos dos ámbitos nos que xa era forte”. Neste sentido, destaca que “unha parte deste crecemento está claramente relacionada coa política de centros e institutos, derivada das convocatorias da Xunta de Galicia ás que nos soubemos adaptar e encaixar estupendamente. Espero que pronto o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) poidan acceder á convocatoria da Xunta e iniciarse como centros colaborativos, e que Cintecx e Ecobas na vindeira convocatoria acaden o recoñecemento como centros CIGUS”.
As Ciencias da Vida son o eido do coñecemento no que máis destaca a Universidade de Vigo, mellorando ademais a posición da edición de 2024 e escalando á franxa 301-400. Nesta sección avalíanse catro materias e, coa excepción das ciencias veterinarias, en cuxa análise non aparece a UVigo, nas outras tres (Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte e Ciencias Biolóxicas) a institución olívica ascende ata situarse entre as 301 e 400 mellores do mundo.Sobre os resultados obtidos nas Ciencias Agrícolas e Forestais, Rubio lembra que “xa tiñamos clara a súa fortaleza a partir do ránking ARWU, e tamén a mellora no último ano do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación no marco do Campus da Auga en Ourense”.