A feira eXXperimenta en Feminino sementa o amor pola ciencia e a tecnoloxía entre a rapazada do sur de Galicia

Foto do DUVI

O campus de Ourense acolle acolleu o venres pasado a celebración dunha nova edición, a oitava, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.

A feira, que se desenvolveu no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participa máis de medio centenar de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais conta co apoio do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá participaron na feira máis de 300 estudantes de quinto e sexto de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato de sete centros educativos das provincias de Ourense e Pontevedra.

Desde a organización da iniciativa, coordinada polas profesoras Julia Carballo, Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Olga Escuredo, sinalan que na súa oitava edición, a feira conta xa cun equipo moi implicado e organizado, ofrecendo nesta ocasión 13 postos científicos diferentes nos que as e os escolares poden para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan.

Ler a noticia completa no DUVI