O grupo EQ-2 da Universidade de Vigo celebrou este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost’25). Esta cita, de carácter anual desde o ano 2019, ten como obxectivo abordar a investigación que se está a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido. Nesta ocasión participou persoal investigador das universidades de Sevilla, Jaén, Federal do Pará e San Petersburgo e do Iata-CSIC de Valencia.
A programación arrancou cunha conferencia de Vanesa Sanz (do Instituto de Agroquímica y Tecnología de Alimentos do CSIC en Valencia) na que falou sobre a revalorización mediante procesos de extracción verde de fontes mariñas para a produción de biomateriais con múltiples aplicacións. Seguiulle unha intervención de Fernanda Wariss (da Universidade do Pará, Brasil) na que expuxo o potencial do xeopropolis procedente de abellas indíxenas da Amazonía para a extracción de compostos bioactivos con alto potencial biolóxico.
Nesta liña de revalorización e dentro dun concepto de economía circular, Anna Kuznetsova, da Universidade ITMO de San Petersburgo (Rusia), abordou a revalorización de aceites usados de cociña para a produción de polihidroxialcanoatos. A seguinte intervención foi do catedrático Eulogio Castro, da Universidad de Jaén, e nela fixo unha clase maxistral sobre biorrefinerías baseadas no oliveiral como “unha opción ineludible”. A Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible pechouse cun relatorio do profesor Bernabé Alonso, da Universidad de Sevilla, sobre análise de ciclo de vida aplicado a biorrefinerías.