A UVigo lidera un proxecto europeo que destinará case 4,9 millóns de euros á innovación en comunidades rurais

Foto recortada do DUVI

Co nome de Storcito e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, este mes de maio arrancou un proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo que afondará na “transformación sostible de comunidades rurais mediante innovacións técnicas, sociais e organizativas”. A iniciativa fomentará de xeito multidisciplinar a innovación en ámbitos chave das zonas rurais europeas, como son a prevención de incendios, a mobilidade e a enerxía.

O consorcio de Storcito (Sustainable transformation of rural communities via technical, social and organizational innovations) está formado por once entidades de cinco países europeos, como son Noruega, España, Alemaña, Grecia e Países Baixos. Participan cinco institucións académicas (Universidade de Vigo, Universidade Ruhr de Bochum, Universidade Agrícola de Atenas, Universidade de Utrecht e o Instituto de Tecnoloxía Deggendorf); as entidades de innovación Sintef AS (oenegué dedicada á I+D) e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde); as empresas de desenvolvemento tecnolóxico Innogando SL (sector gandeiro) e Nimmo AS (mobilidade sostible) e o municipio noruegués de Gjesdal. Cunha duración de tres anos, está financiado con 4.862.797,70 euros a través do programa Horizonte Europa da UE, correspondendo á UVigo 620.625 euros.

O equipo do campus de Ourense que lidera a iniciativa caracterízase pola súa multidisciplinariedade, estando como persoal investigador principal Fernando Veiga (do grupo Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo), Maribel Doval (de Historia Contemporánea I e da Facultade de Educación e Traballo Social) e María Fernández (de Sistemas Agroambientais e da Facultade de Ciencias). Os grupos participantes pertencen ao Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense.

Ler a noticia completa no DUVI