Científicos da UVigo desenvolven un innovador sistema de loita contra a fraude alimentaria

Nos últimos anos as administracións públicas veñen prestando cada vez máis atención a garantir a autenticidade e integridade dos alimentos debido ao aumento dos casos de fraude alimentario, situacións que poden ter implicacións económicas e tamén na saúde humana. E é que garantir a autenticidade dos alimentos permite non só que os produtos sexan recoñecidos pola súa natureza, substancia ou calidade, senón que tamén axuda a detectar contaminación e adulteración.

Neste contexto é clave desenvolver métodos e sistemas áxiles, precisos e sinxelos que permitan realizar estas verificacións e as novas tecnoloxías poden converterse nunha ferramenta esencial. Isto é o que propón un proxecto SmartControl liderado pola Universidade de Vigo seleccionado na convocatoria nacional de proxectos de Xeración de Coñecemento. Coordinado polo catedrático Jesús Simal Gándara, membro do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1), a investigación céntrase en desenvolver un sistema que permita certificar a autenticidade de sementes, fariñas e elaborados en polvo/texturizados de cereais, leguminosas e froitos secos. Para iso propóñense empregar imaxes hiperespectrais e métodos de aprendizaxe automático (SmartControl). Cun orzamento de 212.500€, o proxecto no que tamén está involucrado o investigador Gonzalo Astray, acaba de botar a andar e desenvolverase ata agosto de 2027 contando cun equipo multidisciplinar de áreas como a tecnoloxía alimentaria, a enxeñaría industrial, a enxeñaría informática, a química e a farmacia. A estes únense os esforzos de especialistas en análise química, procesado de alimentos, tecnoloxía do procesado de imaxes e intelixencia artificial. Esta colaboración, subliñan, “permítenos abordar os desafíos técnicos do proxecto e desenvolver solucións innovadoras”.

Ler a noticia completa no DUVI