Desde finais de 2022 un grupo de investigación multidisciplinar da Universidade de Vigo desenvolve o proxecto estatal ReNaturAgri, centrado na loita contra as pragas de nematodos nos cultivos de patacas. Nel avalían o impacto agronómico, ambiental e económico de substituír os nematicidas sintéticos por estratexias baseadas na natureza. Entre os resultados xa obtidos están que o uso dunha planta “trampa”, a Solanum sisymbriifolium, pode contribuír a duplicar a marxe de beneficios por hectárea dos cultivos aumentando a súa produción ata nun 21%.
O proxecto Redución de insumos (fertilizantes e pesticidas) e incremento da biodiversidade do solo en cultivo de pataca. Estratexias naturais para a transición a unha agricultura máis resiliente e sostible (ReNaturAgri) ten un financiamento de 253.000 euros da convocatoria de Proxectos de Transición Ecolóxica e Transición Dixital, do Ministerio de Ciencia e Innovación, con fondos NextGenerationEU. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo por David Fernández Calviño e Manuel Arias, a proposta ten un marcado carácter multidisciplinar, xa que involucra coñecementos e especialistas de varias disciplinas, como a agronomía, a ciencia do solo, a ecoloxía microbiana e a economía ambiental, participando tamén Miguel Rodríguez, do Departamento de Economía Aplicada da UVigo, e Montserrat Díaz, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC). O proxecto conta ademais coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde