A Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebrou unha Xornada técnica sobre xestión sostible do recurso termal, organizada polo foro Ágora Termal. Nela abordouse a lexislación sobre perímetros de protección aplicables en Galicia e a súa visión desde a óptica xurídica, da industrial termal e da administración pública. A iniciativa enmárcase no Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou a importancia de, con iniciativas coma este foro e esta xornada, reunir a especialistas do mundo empresarial, xurídico, académico e da administración para “traballar a prol do termalismo”, termalismo que, lembrou, constitúe unha das liñas de especialización do Campus Auga. Do mesmo xeito, Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, destacou a importancia da posta en marcha do foro Ágora Termal.