Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a Universidade de Vigo. Coordinados polo catedrático Jesús Simal Gándara, investigadores e investigadoras dos grupos de Investigacións Agrarias e Alimentarias; Tecnoloxías Aeroespaciais e Historia Contemporánea I conforman a representación da UVigo en AgroSpace, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos que case 2 proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento (Feder) e que se desenvolverá durante os tres próximos anos.
Baixo a coordinación xeral do Instituto de Estudios Espaciais de Cataluña (IEEC), os grupos, centros e institutos de investigación, empresas, cámaras de comercio e agricultura e usuarios finais de España, Francia e Portugal que participan no proxecto desenvolverán conxuntamente unha estratexia de innovación intersectorial con plans de accións en tres eixos de innovación: investigación, mercado e política. A Asociación de empresas aeroespaciais Andalucía Aerospace (Andalucía), Agri Sud-Ouest Innovation (Occitania), Aerospace Valley (Occitania), Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios y Navegación de Barcelona (Cataluña), Centro Operativo e de Tecnoloia de Regadio (Alentejo), Hidromod-Modelação em Engenharia Lda (Lisboa), Chambre interdépartementale d’agriculture de la Charente-Maritime et des Deux-Sèvres (Nouvelle-Aquitaine), Institut national d’enseignement supérieur pour l’agriculture, l’alimentation et l’environnement (Occitania), Symington Family Estates – Vinhos S.A. (Norte de Portugal) y Elliot Nube (La Rioja), completan xunto á UVigo a relación de socios do proxecto, que recentemente celebrara en Barcelona a súa reunión de lanzamento.
Entre los socios asociados destacados do proxecto atópanse a Generalitat de Catalunya, a Axencia Espacial Española (AEE), a Axencia Espacial Portuguesa, o Centro Nacional de Estudos Espaciais de Francia (CNES) e a rexión de Occitania.