Un grupo operativo avanza no aproveitamento de residuos porcinos e forestais para mellorar a calidade dos solos

Foto do DUVI

Desde o ano 2022, un equipo da Universidade de Vigo participa no Grupo Operativo Novos aproveitamentos de emendas obtidas de residuos porcinos e forestais para a mellora da calidade dos solos. Nel desenvolveuse un proxecto para obter unha emenda orgánica, resultado da mestura de residuos porcinos e forestais, de aplicación para o mantemento da fertilidade dos solos con cultivos leñosos (vide, oliveira e pistacho) así como na conservación de solo en zonas onde o cambio de uso favorecería a súa perda por erosión.

A entidade coordinadora deste grupo operativo é a empresa Seica Seo S.L e nel participan a Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias-Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), a Universidade de Santiago de Compostela (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), a produtora agrícola Ana María Pérez e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra de Meda-Vences.

O proxecto, que remata este mes de decembro, constou de varias etapas. Arrancou cunha recollida e selección de materiais derivados das actividades silvícolas e residuos de porcino e a realización de varias mesturas dos mesmos que se someteron a un proceso de compostaxe. A partir de aquí, desenvolvéronse dúas etapas a cargo de persoal investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, estando como coordinadores Juan Carlos Nóvoa e M. Flora Alonso e contando coa participación de Melissa Méndez, Andrea Parente e Lara Acemel.

Ler a noticia completa no DUVI