Na problemática da crecente resistencia das bacterias aos antibióticos, a Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo está comprometida desde o punto de vista non só investigador senón tamén divulgativo, desenvolvendo diferentes iniciativas de concienciación cidadá. No marco deste compromiso, este venres celebrou na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a VI Xornada de Conciencia sobre o Uso dos Antibióticos.
A xornada foi presentada por María José Pérez, profesora da Área de Microbioloxía, coordinadora do GID Mundo Microbio e do nodo MicroMundo@UVigo. MicroMundo, lembrou, é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía.