Foto do DUVI

AgroSpace, Viti-Valmo, Soil&WineResidues e RuralSilverHubs son catro novos proxectos internacionais Interreg Sudoe nos que participan equipos da Universidade de Vigo. Cun orzamento total de 6,67 millóns de euros, durante tres anos as catro iniciativas traballarán no desenvolvemento rural desde diferentes perspectivas: as tecnoloxías espaciais como motor de innovación; a valorización de residuos orgánicos para unha viticultura resiliente fronte ao cambio climático; a sostibilidade do solo do viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas e a mellora da calidade de vida en áreas rurais impulsando a economía social na silver economy, a chamada ‘economía prateada. Os proxectos, que arrancan neste 2025 a súa actividade, están financiados pola 2ª convocatoria Sudoe 2021-2027, do Programa Interreg e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea. A contía subvencionada captada pola UVigo nos catro proxectos ascende a un total de case 517.000 euros

Tres dos proxectos parten da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo.

O primeiro é AgroSpace Tecnoloxías espaciais, o motor da innovación nas zonas rurais. Trátase dunha iniciativa coordinada polo Institut d’Estudis Espacials de Catalunya no que participan 36 organizacións de Francia, Portugal e España, entre as que se atopan as axencias  e centros de estudos espaciais estatais dos tres países, diferentes axencias rexionais e numerosas agrupacións de agricultores e viticultores. Dispón dun orzamento total de 2,5 millóns de euros e a participación da UVigo nel está encabezada polo catedrático Jesús Simal, do Grupo Investigacións Agrarias e Alimentarias.

O segundo proxecto financiado é Viti-Valmo Valorización de residuos orgánicos locais para unha viticultura resiliente fronte ao cambio climático. Neste caso está coordinado pola plataforma francesa Agropolis International e conta con outros seis socios de España, Portugal e Francia, participando de Galicia ademais da UVigo o Inorde. Ten un orzamento de case 1,17 millóns de euros e o investigador que lidera a participación da Universidade de Vigo nel é Manuel Conde, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.

Pola súa banda, Soil&WineResidues Sostibilidade do solo do viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas é un proxecto coordinado pola Misión Biológica de Galicia (CSIC) que conta con 14 socios de Portugal, Francia e España. Ten un orzamento de case 1,8 millóns de euros, e a participación da UVigo nel está encabezada por Vanesa Santas, tamén do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.

Ler a noticia completa no DUVI