A investigadora da Universidade de Vigo Lucía Cassani acaba de ser galardoada co premio Young Investigator Award, un recoñecemento anual da revista Foods (MDPI). Este galardón outórgase desde 2021 a investigadoras e investigadores posdoutorais en etapas iniciais da súa carreira pero que destacan pola súa excelencia e contribucións innovadoras na área da ciencia dos alimentos.
Foods atópase no Journal Citation Reports (JCR) na categoría Food Science and Technology, posicionada no primeiro cuartil (Q1). O xurado do seu premio Young Investigator Award, composto por seis especialistas internacionais, avalía que as e os candidatos desenvolvesen unha investigación orixinal e de impacto, achegando avances significativos ao progreso da disciplina considerada. O galardón está dotado cun premio en efectivo de arredor de mil euros.
“Para min é unha verdadeira honra ser distinguida co Young Investigator Award de Foods, un premio que non só recoñece a miña traxectoria investigadora, senón que tamén representa unha gran motivación para seguir impulsando o desenvolvemento de novas estratexias de formulación de alimentos funcionais, a identificación de ingredientes con beneficios para a saúde e a aplicación de solucións sostibles na industria alimentaria”, sinala Lucía Cassani. Esta distinción internacional, engade, “favorecerá o establecemento de novas colaboracións, ampliando a miña rede científica e dando maior visibilidade á investigación galega”. A investigadora da UVigo sinala ademais que “recibir este premio reforza o meu compromiso de continuar contribuíndo a unha ciencia dos alimentos máis innovadora, responsable e orientada ao benestar da sociedade”.
Compromiso coa innovación sostible en alimentos
Lucía Cassani é investigadora do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1), no Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, onde desenvolve o seu traballo desde 2021. A súa investigación céntrase na extracción verde de compostos bioactivos a partir de subprodutos agroalimentarios, co fin de reintroducilos en alimentos, mellorar o seu perfil nutricional e estudar os seus efectos sobre a microbiota intestinal, contribuíndo ao mesmo tempo á redución de residuos e ao uso eficiente de recursos.