A UVigo pon en marcha un título propio de Experto en Auga, Termalismo e Saúde

Foto do DUVI

A Universidade de Vigo, a través do seu Centro de Posgrao e Formación Permanente e desde a Facultade de Ciencias, porá en marcha o vindeiro curso académico 2025/2026 un título propio de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. Nel ofrécese “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”. A iniciativa realízase ao abeiro do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. O primeiro período de inscrición xa está aberto para as persoas interesadas.

Este curso de formación permanente, dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, estrutúrase en módulos que abranguen dende os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías.

O título establece unha serie de obxectivos de aprendizaxe para o alumnado, “co fin de formar persoas expertas no emprego dos recursos termais”. Estes obxectivos abranguen coñecer e comprender o papel da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración como recurso; analizar a importancia da calidade microbiolóxica e química das augas e coñecer as normativas aplicables a este recurso. O alumnado tamén coñecerá os fundamentos da pel e os factores que poden afectar a saúde cutánea e as indicacións das augas para as distintas patoloxías en función das súas características físico-químicas e as diferentes técnicas de aplicación.

Ler a noticia completa no DUVI