As vagas de calor serán moito máis intensas e de maior extensión espacial na península ibérica e Baleares para o período 2050-2095. Pola contra, no caso das ondas de frío, tanto a súa intensidade como extensión espacial diminuirán. Estas son dúas das proxeccións feitas nun estudo conxunto realizado por un equipo investigador da Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O estudo acaba de ser publicado co título Heat and cold wave intensity and spatial extent on the Iberian Peninsula: future climate projections (2050–2095) na revista Climate Dynamics e está asinado por Nieves Lorenzo, investigadora do Environmental Physics Laboratory (EphysLab), CIM-UVigo; Alejandro Díaz e Alberto Martí (USC), e Dominic Royé (Misión Biolóxica de Galicia). O traballo é a continuación das análises de intensidade e extensión espacial das ondas de calor e de frío no ámbito da península ibérica e Baleares realizadas anteriormente por membros do equipo.