As xornadas anuais do grupo EQ-2 afondan en diferentes liñas de investigación arredor da biomasa e o desenvolvemento sostible

O Grupo EQ-2 da Universidade de Vigo celebrou este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost26). Nela, persoal investigador das universidades de Vigo, A Coruña, Valparaíso (Chile) e Minho (Portugal) expuxeron investigacións que se están a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido.

BioDeSost constitúe desde 2019 a cita anual de referencia para o Grupo EQ-2, Grupo de Investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo, coordinado na actualidade por María Dolores Torres, que tomou recentemente o relevo á catedrática Herminia Domínguez. O grupo conta con case unha vintena de investigadoras e investigadores e está recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia.

Nesta xuntanza anual, preténdese dar unha visión xeral das liñas de investigación desenvolvidas neste grupo focalizadas no uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido en diferentes ámbitos de aplicación así coma a doutras e doutros especialistas cos que colaboran.

Ler a noticia completa no DUVI