O grupo de investigación Food and Health Omics da Universidade de Vigo celebrou este venres no campus de Ourense a IV Xornada Anual sobre Políticas Alimentarias, que levou por lema Alimentos funcionais e saúde: novas oportunidades para o sector agroalimentario. A cita, con arredor de 185 persoas inscritas, supuxo “unha oportunidade única para coñecer de primeira man como a ciencia e a innovación están a impulsar unha nova xeración de alimentos orientados á saúde e ao benestar da sociedade”. Nela presentáronse avances científicos, experiencias empresariais e casos de éxito ao redor dos alimentos funcionais, fomentando o diálogo entre a empresa, a universidade e as administracións públicas.
A xornada, que tivo lugar na Facultades de Ciencias, contou co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Na súa apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor o labor investigador que se fai no campus de Ourense no eido temático das xornadas, nomeadamente na Facultade de Ciencias, no Campus Auga e no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.
As investigadoras do grupo Food and Health Omics Beatriz Cancho e Raquel Rial foron unha edición máis as organizadoras da actividade. Amosando a súa satisfacción pola boa acollida que ten a xornada ano tras ano, sobre a temática elixida para esta edición as súas responsables sinalaron que “a nosa esperanza de vida é cada vez maior e envellecer con boa saúde converteuse nun dos grandes retos da nosa sociedade. Neste escenario, onde a innovación e a evidencia científica marcan o futuro da alimentación, o desenvolvemento de alimentos funcionais constitúe unha ferramenta estratéxica que contribúe a crear valor engadido dentro do sector agroalimentario”
