Presentáronse seis propostas e concedéronse catro. Nunca antes a Universidade de Vigo acadara unha taxa de éxito tan elevada nas diferentes convocatorias do Programa Interreg Sudoe, financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, e dedicado á cooperación transnacional. A UVigo coordina dous destes proxectos, financiados con 3,21 millóns de euros, e participa noutros dous cuxo financiamento roza os 5 millóns. Son en total máis de 8 millóns de euros dos que preto de 700.000 lle corresponden de xeito directo á institución académica viguesa.
Entre eles destaca o proxecto NewPower, valorización integral dos residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables, dirixido polo catedrático da Facultade de Ciencias Gil Garrote e financiado con 1,34 millóns de euros, abordará problemáticas relacionadas coa alta xeración de residuos agrícolas e forestais que contribúen a causar incendios.