O Equipo Decanal da Facultade de Ciencias é consciente da importancia que ten consolidar unha cultura de calidade no ámbito universitario, da súa consideración como un factor determinante para conseguir a satisfacción das expectativas formativas dos seus estudantes, así como o seu recoñecemento nos ámbitos académicos, profesionais e sociais nos que se integran.

Neste marco de actuación e co fin de conseguir situar esta Facultade nun Centro de referencia dentro da Universidade de Vigo, deseñouse o Primeiro Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Ciencias.

Este Programa que pretende guiar as accións deste Centro para o período 2023-2026, ten como punto de partida o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo (2021-2026) e organízase arredor de cinco eixes estratéxicos de suma importancia nacidos do espírito de servizo e de mellora que debe caracterizar unha institución xeradora e transmisora de coñecemento que, en última instancia, está ao servizo da cidadanía.

A formación impartida, a relación da universidade coa sociedade, a investigación e a transferencia; a organización dos recursos propios e as persoas que a compoñen son as cinco canles polas que flúe a súa esencia vital e que representan o que lle pode ofertar á sociedade no seu conxunto.

 

DESCARGAR PLAN ESTRATÉXICO DA FACULTADE DE CIENCIAS