Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Este congreso está especialmente pensado para persoal investigador en formación, tanto en etapas predoutorais como posdoutorais. Con todo, a participación está aberta tamén a persoas cunha traxectoria investigadora consolidada que desexen contribuír ao enriquecemento científico e académico do encontro.
Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. O evento conta cun comité organizador formado por un equipo multidisciplinar de investigadoras e investigadores vinculados ao Campus Auga e un comité científico tamén composto por un amplo grupo de persoal investigador de Galicia e do norte de Portugal, en liña coa implicación do Campus Auga no espazo eurorrexional.