O Grupo Agroambiental e Agroalimentaria (AA1) da UVigo pon en valor o traballo do seu persoal investigador predoutoral

Foto do DUVI

A Facultade de Ciencias do Campus de Ourense acolleu o venres pasado a celebración do I Simposio do Grupo de Investigación Agroambiental e Agroalimentaria (AA1) da Universidade de Vigo. A cita nace coa vocación de celebrarse de xeito anual e co obxectivo de ofrecer un espazo no que os seus investigadores e investigadoras predoutorais e posdoutorais poidan compartir algunhas das liñas de investigación e o traballo científico que realizan.

O Grupo de Investigación Agroambiental e Agroalimentaria da Universidade de Vigo é un equipo multidisciplinar con instalacións na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e en CITEXVI no campus de Vigo, conta na actualidade con case 50 investigadoras e investigadores, está recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia e ten en marcha diferentes proxectos de investigación, entre eles cinco europeos. Deste grupo, Juan Carlos Mejuto, coordinador do grupo AA1, destaca a súa faciana internacional, xa que máis da metade procede de fóra de España, destacando o persoal investigador procedente de China, África do Norte e Hispanoamérica.

En total, foron 18 as investigacións presentadas, 16 oralmente polos seus responsables e dúas en formato póster, abranguendo unha ampla variedade de temáticas dentro do eido agroambiental e agroalimentario.

Ler a noticia completa no DUVI