O investigador Daniel Arenas asume a secretaría xeral da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo

Foto do DUVI

A Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS) acaba de elixir unha nova directiva e nela o investigador do Programa Ramón y Cajal da Universidade de Vigo, e da Facultade de Ciencias, Daniel Arenas, foi nomeado secretario xeral. Asumir este cargo, sinala, constitúe “unha grande oportunidade para seguir impulsando a importancia do solo como recurso ambiental, a produción de alimentos e a conservación dos ecosistemas”.

A SECS é unha entidade científica sen ánimo de lucro fundada en 1947 no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Os seus principais obxectivos son promover o estudo, o coñecemento, a investigación e a protección do solo e difundir, desde unha perspectiva científica, o papel que xoga na sociedade a través dos servizos ecosistémicos que desempeña (como a produción de alimentos e materias primas, protección dos ecosistemas e da herdanza arqueolóxica e paleontolóxica), ademais de ser soporte físico para as actividades humanas.

A súa nova directiva está composta, ademais de por Daniel Arenas na secretaría xeral, por Irene Ortiz (Universidad de Granada) como presidenta; Raúl Zornoza (Universidad Politécnica de Cartagena) como vicepresidente e Antonio Girona (CSIC-Universidad de Oviedo) como tesoureiro. Sobre este equipo, o investigador da UVigo amosa a súa satisfacción por formar parte dunha nova directiva na que por primeira vez na súa historia a Sociedad Española de la Ciencia del Suelo estará presidida por unha muller. Sobre a súa elección, expresa o seu agradecemento á nova presidenta e ao resto da xunta directiva pola confianza depositada. “Espero poder contribuír ao seu fortalecemento e á difusión do papel estratéxico que o solo desempeña na sociedade”, sinala.

Ler a noticia completa no DUVI