O proxecto europeo SoildiverAgro encara a súa recta final

Foto do DUVI

No ano 2019 botou a andar o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Seis anos despois, a iniciativa, na que participan 22 socios de sete países liderados pola UVigo, encara a súa recta final. Será coa celebración a vindeira semana, en Ourense, da súa asemblea de peche.

Na presentación da xornada, que terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e no mosteiro de Santo Estevo, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que iniciativas coma SoildiverAgro poñen en valor o potencial investigador do campus de Ourense, neste caso en liña cos eixes de actuación do seu Campus Auga e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.

David Fernández, profesor da UVigo coordinador do proxecto, foi o encargado de explicar os detalles de SoildiverAgro, agradecendo de xeito especial “a indispensable” colaboración do Inorde neste e noutros proxectos agroambientais ao permitir o uso de parcelas para o traballo experimental.  A iniciativa que agora se pecha, lembrou o seu responsable, céntrase na adopción de novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo que melloren a xenética do solo e a biodiversidade funcional para reducir o uso de insumos externos (como fertilizantes, funxicidas, auga e combustible) ao tempo que aumente a produción e a calidade dos cultivos, a prestación de servizos ecosistémicos e a estabilidade agrícola e a resiliencia da UE.

Ler a noticia completa no DUVI