“A valorización integral da madeira de paulonia, unha prometedora biomasa de rápido crecemento, con especial atención á produción de bioetanol, seguindo esquemas de biorrefinería”. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento da enxeñeira técnica agrícola Elena Domínguez, na que analiza a potencialidade de varias posibilidades de pretratamento da materia prima procedente desta árbore.
A tese foi presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo a dirección de Aloia Romaní e Gil Garrote e foi desenvolvida no Grupo de Investigación BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo. No seu traballo, explica a xa doutora, “estudouse o fraccionamento da madeira de paulonia mediante o emprego de diferentes pretratamentos respectuosos co medio ambiente para o aproveitamento integral de todas as fraccións que a compoñen (celulosa, hemicelulosa e lignina)”. Tamén, engade, estudouse a produción de bioetanol a partir das fraccións celulósica e hemicelulósica e caracterizouse a lignina procedente dos distintos pretratamentos.